Carlos Barja Márquez

SCOPUS | ORCID

É graduado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, e realizou o mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte na mesma universidade.
A súa tese centrase no estudo do patrimonio inmoble relixioso tardo-antigo e alto medieval galego e a aplicación de ferramentas dixitais para a difusión e posta en valor destes recursos patrimoniais. A súa investigación está vinculada ó proxecto europeo H2020 RurAllure liderado pola Universidade de Vigo.

Andrea Mouriño Schick

SCOPUS | ORCID

É investigadora predoutoral do grupo I+D de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) contratada pola Xunta de Galicia na Área de Prehistoria da Universidade de Vigo. Asemade forma parte do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial (GIDEP) da mesma institución e da asociación internacional sobre estudos de xénero en Arqueoloxía AGE (Archaelogy Gender of Europe).
Na actualidade combina a docencia co desenvolvemento da súa tese de doutoramento, no marco da Arqueoloxía Pública e os estudos de xénero, sobre os discursos xerados arredor da Prehistoria do Noroeste Peninsular dende unha perspectiva de xénero dentro do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural (Universidade de Vigo).

Lucía Rodríguez Álvarez

SCOPUS | ORCID

Arqueóloga e investigadora predoutoral pola Xunta de Galicia na Área de Prehistoria da Universidade de Vigo. Graduada en Xeografía e Historia (2015-2019) pola Universidade de Vigo e especializada en Arqueoloxía no marco do Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade (2019-2020) pola UVigo e USC. Foi beneficiaria da Beca de Colaboración do Ministerio de Educación no Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo baixo a liña de investigación “Estudo integral das cerámicas do xacemento do Castelo das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán”. Estudo que foi galardonado na III edición dos Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga na modalidade de TFM. Contratada como Persoal Investigador no proxecto “Recuperación Patrimonial e ambiental do Castro das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán” e Persoal Colaborador en Investigación e Desenvolvemento no grupo de investigación GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) da Universidade de Vigo. Na actualidade realiza a súa tese doutoral no Programa Interuniversitario en Protección do Patrimonio Cultural pola Universidade de Vigo mediante o cal recibiu o premio de excelencia de inicio de doutoramento 2020/2021. A liña de investigación “Patrimonio cultural:” que está a desenvolver baixo o proxecto “Materialidade e Mobilidade na Prehistoria Recente no territorio do Alto Támega Transfronteirizo” céntrase no estudo interdisciplinar de indicadores de carácter abiótico nun tempo e espazo concreto, o val do río Támega e depresión Regua-Verín dende un carácter integramente transfronteirizo tendo en conta esta vía natural como un vía de circulación de “ideas, materiais e xente”.