Departamento T14

Castro de Armea

Castro da SacedaFotografía: DUVI

PROXECTO 2015

Nos últimos anos o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo GEAAT vén traballando en Santa Mariña de Augas Santas para pór ao descuberto e en valor todo o seu patrimonio histórico soterrado. Este verán, o equipo volve á zona, nesta ocasión ao Castro de Armea, e faino con máis recursos humanos e materiais grazas a un convenio asinado en febreiro entre a Universidade e o Concello de Allariz en materia de arqueoloxía. Estes recursos tradúcense nunha intensa actividade que está permitindo sacar á luz practicamente toda a extensión escavada nos anos 50 por Francisco Conde-Valvís e desenterrar outras por primeira vez, facendo, paso a paso, que o Castro de Armea emerxa en toda a súa magnitude.

Este luns, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Francisco García, alcalde de Allariz, achegáronse ao castro para coñecer o estado dos traballos que se están a realizar nel. Fermín Pérez, como director do GEAAT e do proxecto arqueolóxico Armea 2015, e Adolfo Fernández, como director da intervención arqueolóxica en Armea, foron os encargados de explicarlles os avances logrados. “Para a Universidade este proxecto ten un valor indubidable. Por unha banda, polo traballo que realiza o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e polo que significa para a dinamización do concello, e por outra banda porque permite ao noso alumnado do grao de Xeografía e Historia realizar prácticas reais, nun enclave real, con restos reais, algo moi importante de cara á súa formación”, subliñou Virxilio Rodríguez. “Valoramos moi positivamente o acordo coa Universidade. Para nós, este proxecto é un aposta estratéxica coa que estamos conseguindo que o castro sexa recoñecido coa potencia que ten, tanto por extensión como por calidade”, apuntou Francisco García.


Web do proxecto